Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Muxía participará no proxecto audiovisual da Deputación da Coruña con título ‘O rural de todas’


O propósito deste documental é amosar a historia da vida das mulleres do rural, e particularmente do rural muxián.

O Concello de Muxía participará no proxecto audiovisual da Deputación da Coruña con título ‘O rural de todas’. Os obxectivos deste proxecto son a creación dun documental colaborativo sobre a historia de vida das mulleres de Muxía no rural; coñecer o traballo e a vida cotiá das mulleres do rural da provincia a través de historias reais; concienciar e sensibilizar á cidadanía do legado das mulleres rurais ao desenvolvemento da provincia; conectar interxeracionalmente as historias de vida ou sensibilizar á sociedade sobe a igualdade e a loita contra a violencia de xénero.
Trátase dun proxecto interxeracional e colaborativo, e para o desenvolvemento do mesmo terá lugar unha sesión informativa o mércores 29 de xullo de 10:30 a 13:30 horas no Salón do Voluntariado. A participación é totalmente de balde, aínda que é necesario inscribirse.
O Concello puxo a disposición das persoas interesadas, rapaces de 10 a 17 anos, a folla de inscrición na súa conta oficial de Facebook, xa que se necesita permiso dos titores legais. A concelleira de Igualdade, Olalla Benlloch alude á ‘importancia de reivindicar un rural en feminino e poñer en valor a memoria cultural e colectiva do noso rural desde unha perspectiva de xénero’. A edil animaba á veciñanza a ‘coñecer en profundidade este proxecto, porque vai ser precioso’, finalizou.